sábado, 2 de octubre de 2010

Sempre no seu sitio


É curiosa a sensación de seguridade que me dá a vista da néboa baixando do picoto de santa Marta. Incluso de nena a pesar de que o manto branco significaba mal tempo e a fin dos xogos fóra. Supoño que será precisamente esto o que me gusta, a sensación de saber que con ela as cousas sempre volven ó seu sitio.

Sempre me gustou a néboa, tamén a palabra e os seus sinónimos. A vista do monte que vai desaparecendo de riba cara a abaixo; diante da casa, cando non se pode ver máis aló dun metro; e a vista de paxaro, cando toma camiño contrario e vén desde o río, cubrindo o longo e o ancho do cauce. Lástima daquela foto de primavera cando subía co coche polo Pazovello, xa despexado a primeirísima hora da mañá, coa brétema agochando e envolvendo en algodón as casas aló embaixo.